Grazas por facer posible o proxecto do Xallas FC
Grazas por facer posible o proxecto do Xallas FC
Grazas por facer posible o proxecto do Xallas FC
O relato do Xallas Fútbol Club: de onde vimos, os valores que nos moven e o camiño que fixemos xuntos, tempada tras tempada.
O Xallas Fútbol Club naceu en Santa Comba en 1965, pero a súa historia comezara xa antes, nos partidos amigables disputados polos campos dos concellos próximos e na ilusión dun grupo de persoas que quería facer medrar o fútbol na vila.
Baixo a presidencia de José Suárez Suárez, "Raso", o club deu os seus primeiros pasos no Campo do Carreiro. Aquel terreo de xogo foi construído coa colaboración desinteresada dos veciños, que transportaron os terróns para crear o céspede desde varios quilómetros de distancia. Nos comezos non había vestiarios: os xogadores chegaban xa vestidos desde as súas casas ou cambiábanse nas vivendas próximas.
"Así naceu o Xallas FC: do esforzo compartido, da colaboración e do sentimento dun pobo."
As primeiras camisetas chegaron grazas ás xestións realizadas con Jabones Lagarto. Eran verdes, acompañadas de pantalón negro e medias verdes. Aquelas cores converteríanse para sempre nun símbolo de identidade e pertenza.
O Xallas non tardou en deixar a súa pegada. Nas súas primeiras tempadas proclamouse campión da Copa da Costa en 1967, 1968 e 1970, iniciando unha relación especial cunha competición que acompañaría ao club durante toda a súa historia.
Co paso dos anos chegaron novas xeracións, títulos xuvenís, ascensos e máis Copas da Costa. Cambiaron os xogadores, os adestradores e as directivas, pero permaneceu intacta a esencia dun club construído arredor da súa xente.
En 2012, o Xallas FC e o Santa Comba CF uniron os seus camiños baixo o nome de Xallas de Santa Comba. Foi unha etapa de unión do fútbol da vila que se prolongou durante tres tempadas. En 2015, o club recuperou o seu nome, o seu escudo e o verde que sempre formara parte da súa identidade.
A historia continuou medrando coa creación do equipo sénior feminino en 2021 e coa incorporación dun segundo equipo feminino na tempada 2025/26. Ao mesmo tempo, a canteira consolidouse como o verdadeiro corazón do proxecto.
Hoxe, máis de sesenta anos despois, o Xallas FC reúne centos de xogadores e xogadoras en decenas de equipos federados. Nenos, nenas, mozos e adultos que cada semana manteñen viva unha historia que comezou no Campo do Carreiro e que continúa escribíndose no Fontenla.
Porque o Xallas non é unicamente o que gañou. É toda a xente que vestiu a súa camiseta, traballou polo club, animou desde a bancada ou acompañou aos seus fillos durante tantos anos.
Arquivo fotográfico e de prensa do club — Gala 50 Aniversario




































Dende 1965, o fútbol que une Santa Comba xeración tras xeración.